Sunday 28 de April de 2024

Os Orzamentos de 2016 recollen unha partida de 3,25 millóns de euros para os Parques Naturais de Galicia


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse hoxe cos representantes das xuntas consultivas e padroados destes espazos naturais

Os orzamentos para 2016 da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recollen unha partida de 3,25 millóns de euros para o mantemento e conservación dos seis parques naturais de Galicia (Fragas do Eurme, Corrubedo, Monte Aloia, Invernadeiro, Baixa Limia-Serra do Xurés, e Serra da Enciña da Lastra) e do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Trátase dunha partida un 30 por cento superior á asignada inicialmente para este mesmo fin nas contas de 2015. En concreto, máis dun millón de euros corresponderá ás Illas Atlánticas, e os outros 2,2 millóns restantes aos outros seis espazos.

A titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, avaliou hoxe estas cifras durante unha xuntanza de traballo cos presidentes das seis xuntas consultivas dos seis parques naturais e co presidente do padroado do Parque Nacional. Durante a xuntanza, acordouse iniciar os traballos para crear unha rede común entre todos estes espazos naturais e darlles visualización de forma conxunta.

“Esta é a primeira de moitas reunións para avanzar cara unha mellor xestión e conservación dos nosos parques, sete espazos dun valor incalculable para Galicia, tanto a nivel natural, como ambiental ou paisaxístico”, explicou Mato.

Ao respecto, precisou que o atractivo destes espazos “queda máis que demostrado” nos preto de 600.000 visitantes que reciben de media cada ano.

Estes setes espazos suman preto de 50.000 hectáreas, o que supón un 1,5 por cento do territorio de Galicia. Esta cifra increméntase se se ten tamén en conta a ampla Rede Galega de Espazos Protexidos, que supera as 400.000 hectáreas, e representa o 13,5 por cento do territorio galego.

“A conservación e preservación dos parques é unha das nosas máximas prioridades”, apuntou Mato, quen precisou que o obxectivo é que esa conservación “poida ser compatible co seu goce, o cal contribúe á dinamización económica das áreas xeográficas nas que están situados”.